Fotografía e paisaxe

Unha sala de paredes encaladas e granito galego é o pano de fondo da obra de Xabier Fernández Parede Branca. Elementos da natureza convértense en protagonistas dunha experiencia creadora que fala da esencia da imaxe e do proceso creador.

A un lado, disponse Talameiro, unha instalación onde hai terra e restos de madeira, materiais recollidos polo autor durante as súas camiñadas máis ou menos longas e cotiás, xunto a unha fotografía, formando un tríptico en ausencia da terceira parte. Vestixios de árbores e terra. A fotografía queimada xunto coa madeira, convertidas en cinzas unha vez rematada a exposición, será o terceiro elemento. Esculturas orgánicas de materiais naturais, sen alterar, gardando así os seus valores expresivos.

A paisaxe como construtora dunha imaxe e provedora dos elementos que dan forma a unha obra de arte, onde o proceso creador de camiñar, atopar e reorganizar informa do que está a suceder no interior do autor, integrándose na propia vida deste e transmitíndose ao espectador.

Na parede branca que dá nome á  mostra, colga un papel imprimido, feble e fráxil, no que podería aparecer algunha representación, un escenario que espera unha imaxe aínda non escollida.

Noutra parede, a acumulación de imaxes non permite ler con claridade.

Pero… que leva un fotógrafo a facer ilexible unha imaxe? Cal é a idea última deste proxecto? Que une estes tres escenarios? O autor pretende chamar a atención sobre dúas ideas: por un lado, a fraxilidade da imaxe, simbolizada pola natureza e as cinzas, e por outro, o cuestionamento da continua necesidade de crear imaxes fronte á busca dunha representación reflexiva orixinada nunha lucidez previa que axuda a discriminar o esencial do vacuo.

Ante o espectador aparece así un mundo persoal que lle esixe maior compenetración que unha simple representación da paisaxe. Isto obrígao a cuestionarse aspectos como a necesidade ou a posesión total da obra de arte mesma, que se irá desfacendo para refacerse cada vez, dependendo do momento, o lugar e da intención do que a crea. Un diálogo estableceuse entre o autor e a paisaxe e, como resultado, a obra realizada manterá no tempo esa conversación.

Unha invitación á comprensión da arte da natureza como unha arte de proceso. A acción creadora do home fronte á mera representación e o espectador como observador nesta viaxe de transición da natureza cara á obra de arte.Rita Ibarretxe.Comisaria

 


Artículos de prensa

articulos prensa xabier fernandez 1001 articulos prensa xabier fernandez 1003 articulos prensa xabier fernandez 1004 articulos prensa xabier fernandez 1005 articulos prensa xabier fernandez 1006 articulos prensa xabier fernandez 1007
Free Joomla Lightbox Gallery